A Pasarela Solidaria Allariz é unha iniciativa da deseñadora Teresa Quintana que xurde como un proxecto de sinerxías que persigue unha dobre finalidade. Por unha banda, o evento pretende xuntar o maior número de negocios do concello de Allariz para facer visible ao pequeno comercio, crear colaboracións e coñecernos entre todos. Por outra banda, o evento tamén ten un interese solidario no que se recolleron fondos para Asociación Española Contra o Cancro (AECC), a través dos distintos sorteos celebrados durante o acto.
A Pasarela Solidaria Allariz celebrouse o pasado 14 de xuño no fermoso OCA Vila de Allariz. Aproveito para agradecer a Maike, o director do hotel, a súa amabilidade e recepción; realmente fixo moi fácil o proceso de organización e posta en marcha. Agradecer tamén a fantástica presentación de Raquel Gamallo, que nos deixou momentos para a lembranza grazas a súa paciencia infinita. E por suposto, moitísimas grazas a German Rodriguez presidente de AECC Ourense por esas palabras de ánimo e fortaleza. Ben é certo que o cancro é unha enfermidade complexa, pero cando te inundan dese positivismo e gañas de vivir, o camiño faise moito máis doado.
Na Pasarela Solidaria Allariz contamos coas actuacións da Escola de Danza Bayadere e cos desfiles de Xogo de Fíos, Anxiños, Sneakers Nº2, A Mariñeta, AulaF e Teresa Quintana. Cada firma mostrou a última colección dos seus deseños. No meu caso, as bolsas de tela de Rosalía de Castro, Frida kahalo, Marilyn Monroe e Castelao marcaron a tendencia do desfile. Por suposto, acompañadas dun estilo casual no que as modelos luciron tamén camisetas de Xogo de Fíos. Teño que agradecer desde aquí a extraordinaria posta en escena. Foi todo un éxito!
Comments