top of page

FIADAS QUE CONECTAN CAMIÑOS


O pasado 16 de xullo vivimos unha desas experiencias que deixan pegada en Xogo de Fíos, estamos a falar da visita de Discamino a nosa tenda. Un momento emocionante!

 

Discamino é unha entidade social de Vigo que fai posible un Camiño de Santiago accesible para todas as persoas. Unha asociación que, dirixida por Javier Pitillas, leva anos demostrando que os soños tamén se fan realidade para as persoas con discapacidade ou maiores. A través de bicicletas adaptadas e do apoio dun extraordinario equipo de persoas voluntarias, conseguen que cada quilómetro estea cheo de maxia, compañeirismo e superación. Unha experiencia realmente inclusiva! Nesta ocasión estaban a percorrer a Ruta da Prata, desde Sevilla ata Santiago de Compostela, e o seu paso por Allariz decidiron desviarse unha miga para coñecer Xogo de Fíos.


Foi unha parada breve pero moi especial: aproveitaron para repoñer folgos, tomar un café, degustar un anaco de bica e compartir experiencias do camiño. Tiven a oportunidade de presentarlles o meu proxecto artesanal e explicarlles como tapizo cada peza empregando unicamente o tacto. Como o fío se converte na ferramenta de creación, inclusión e superación persoal. Pola súa banda, eles tamén nos contaron como estaba transcorrendo o camiño despois de tantas xornadas de cansazo, as emocións vividas en cada etapa e o enorme traballo de equipo que hai detrás dunha iniciativa tan inspiradora.

 

En Xogo de Fíos sempre defendemos que a artesanía é moito máis que unha forma de expresión artística, tamén é o xeito de crear vínculos, compartir historias e facer visibles proxectos que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva. Recibir a Discamino na tenda foi un auténtico privilexio! Compartimos iniciativas diferentes pero cun valor común: poñer ás persoas no centro e demostrar que as barreiras poden transformarse en novas oportunidades.

 

GRAZAS DISCAMINO por facer esta parada no camiño!

 
 
 

Comments


bottom of page