CHARLA NA UNIVERSIDADE DE VIGO
O pasado 14 de setembro tiven a oportunidade de ser invitada á Universidade de Vigo, no campus de Ourense, para impartir unha charla ao alumnado de 2º de Traballo Social. Foi unha experiencia moi especial xa que compartín coa xuventude a miña historia de vida e reflexións sobre diferentes aspectos relacionados coa discapacidade, a inclusión sociolaboral e o emprendemento.
Durante o coloquio faleilles da miña experiencia vital como muller con discapacidade física e visual, das barreiras que fun atopando o longo da vida e do proceso de adaptación que vivín tras perder completamente a visión. Tamén abordamos a evolución do modelo da discapacidade, pasando dunha visión centrada nas limitacións individuais a un enfoque baseado nos dereitos, na accesibilidade universal e na eliminación das barreiras. Por suposto, a creación e evolución de Xogo de Fíos foi outro dos puntos clave da charla. Como a través do proceso artesanal do tapizado con fío conseguín transformar unha experiencia persoal nun proxecto profesional vinculado á creatividade, á inclusión e á innovación social.
Compartir as miñas vivencias cos futuros profesionais do eido social é enriquecedor, xa que nos permite mirar máis alá dos estereotipos e das etiquetas. O contacto directo coa realidade é fundamental para cambiar a sociedade cara a plena inclusión.
Quero agradecer, tanto ó profesorado como ó alumnado, a fantástica acollida e interese mostrado durante a exposición. Foi un pracer compartir este espazo de aprendizaxe e reflexión. Seguiremos apostando por levar a miña experiencia a diferentes espazos educativos, demostrando que a artesanía tamén pode ser unha ferramenta de sensibilización.
· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.





Comments