top of page

COMEZAMOS A 3ª TEMPADA DE SERES DE BEN

Nov 15
3 min read

Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta terceira tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min  e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!

  • Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.

  • Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.

 

Cres que estar en cadeira de rodas implica necesariamente ser dependente? Esta é unha confusión moi estendida, pero non teñen porque ser sinónimos. A través da testemuña de Ismael, a quen nun parque de atraccións obrigaron a acceder acompañado dun adulto por presentar mobilidade reducida, pon sobre a mesa protocolos que infantilizan ás persoas con discapacidade. Falamos de autonomía, accesibilidade e derribo de estereotipos. Reflexiona como cambiar a forma de inclusión.

 

David e Claudia soñaban con recuperar a antiga casa dos mestres e escola do seu pobo, en no ano 2022 o soño fíxose realidade. Hoxe é moito máis que un aloxamento, é memoria e historia. Ademais acolle cada ano uns 15 obradoiros relacionados coa natureza, o territorio e a cultura. Un proxecto vivo que conecta pasado e futuro. Queres coñecer as lembranzas que agocha?

 

Que acontece cando nun pobo xa só quedan 4 familias vivindo? En Outeiro de Laxe, no concello de Allariz, a despoboación e o abandono deixaron pegadas moi visibles. Pero a veciñanza decidiu non renderse e crearon unha asociación de veciños para recuperar a vida comunitaria e dinamizar o pobo. Hoxe falamos de historia, lembranzas, memoria, ruínas, orgullo pero sobre todo de esperanza. Queres coñecernos?

 

Que acontece cando a natureza se converte nun lugar de aprendizaxe, coidado e conexión? Hoxe coñecemos un proxecto que nos invita a recuperar o vínculo co entorno natural e descubrir todo o que nos pode ofrecer. Un espazo para medrar, convivir e aprender doutro xeito. Escóitanos e descubre esta iniciativa tan diferente! 

 

Vivimos rodeados de pantallas pero... son accesibles para todas as persoas? Falamos das barreiras dixitais que dificultan a autonomía das persoas con discapacidade, desde páxinas web ata as ferramentas de intelixencia artificial. Reflexionamos sobre un dereito que aínda permanece demasiado invisibilizado. Queres saber por que a accesibilidade dixital nos afecta a todos/as? Só escóitanos!

 

Da terra galega ata a delicadeza da porcelana, hoxe achegámonos a Barreiros Cerámica localizado no corazón da Ribeira Sacra. Un proxecto que converte a tradición e o saber artesanal en pezas únicas. A porcelana de alta temperatura esixe investigación, experimentación, precisión e moitas horas de traballo para conseguir resultados excepcionais. Detrás de cada peza hai creatividade, dedicación e o bo saber de Miguel e Raquel. Queres saber de que se trata? Só escóitanos!

 

Sabías que no corazón da Ribeira Sacra existiu unha fábrica de chocolate? Nesta entrega viaxamos a Teimende, en Parada de Sil (Ourense), para descubrir unha historia familiar dedicada o chocolate durante varias xeracións. Coñecemos como se elaboraba o famoso chocolate Caldelas e como evolucionou este oficio co paso do tempo. Acompáñanos nesta doce! viaxe!

 

E se unha aldea enteira se convertese nun lugar de aprendizaxe e convivencia? Hoxe achegámonos a Lodoselo, no concello de Sarreaus (Ourense), para coñecer o traballo do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. Unha iniciativa que leva décadas apostando por un rural vivo, inclusivo e cheo de oportunidades. Todo un exemplo de como a forza da veciñanza pode transformar o entorno e mellorar a vida das persoas. Queres coñecer todo sobre este CDR? Só escóitanos!

 

GRAZAS POR ESTAR AHÍ ESCOITÁNDONOS!

 

 

______

Para entidades: Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 

 
 
 

Comments


bottom of page