OBRADOIRO FAMILIAR NA ASOCIACIÓN SAN BREIXO
O pasado 9 de setembro tiven a oportunidade de levar Xogo de Fíos ata a Asociación San Breixo de Seixalvo (Ourense) para compartir un obradoiro de artesanía en familia. Foi unha xornada moi especial na que reunimos a máis de 30 persoas, entre crianzas e adultos. Ver a tantas persoas de diferentes idades participando xuntas, descubrindo unha técnica artesanal diferente e desfrutando do proceso, foi realmente emocionante. Dúas xeracións cun único obxectivo: realizar o tapiz de fío!
Os cativos converteron o fío no protagonista da súa actividade dándolle vida coas súas mans, elaborando unha simpática ra sobre roscos de madeira. Para rematar as creacións, engadimos purpurina e conseguimos unhas pezas cheas de cor, brillo e personalidade.
Por outra banda, os adultos puxéronse mans a obra para tapizar uns soles moi veraniegos, fío a fío e con moito tacto foron convertendo cada deseño en obras artísticas únicas. O resultado foi diverso e plural, cada persoa deulle o seu propio toque, creando unha colección de soles digna de exposición. O que máis me gusta destes obradoiros familiares é precisamente a posibilidade de crear xuntos, rapaces e adultos descobren que non importa a idade senón a unión.
Máis alá do resultado final, nestes obradoiros pretendo crear espazos de participación, convivencia e aprendizaxe compartido. Xogo de Fíos busca que a artesanía sexa a ferramenta para desenvolver a creatividade, a concentración e a habilidade manual pero tamén que permita compartir tempo en comunidade. Sen dúbida, esta actividade demostra que a artesanía tamén pode ser un punto de encontro para toda a familia.
Desde Xogo de Fíos quero agradecer a xunta directiva da Asociación San Breixo por contar comigo para este obradoiro e, por suposto, agradecer a todas as familias que participaron con tanta ilusión e entusiasmo. Grazas por compartir esta experiencia comigo!
· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.






Comments