VOLVEMOS FIAR ILUSIÓNS EN ALGARIA
- xogodefios
- 10 hours ago
- 2 min read
Este verán Xogo de Fíos volve retomar o obradoiro na Asociación PCD Algaria, unha entidade de persoas con discapacidade de Xinzo de Limia (Ourense). Foi un reencontro que me enche de orgullo e ilusión xa que é o segundo ano que comparto esta experiencia cun grupo de 10 persoas con discapacidade. E como sempre, temos un ambiente moi animado con novas incorporacións!
Desde o primeiro día recibíronme con entusiasmo e gañas de volver traballar co fío. Para min tamén é unha satisfacción enorme comprobar como lembran as técnicas aprendidas e afrontan cada novo reto con ilusión, esforzo e creatividade. Neste obradoiro todo é posible! O fío convértese na canle condutora para crear, compartir e medrar xuntos.
O máis curioso desta edición é que, a pesar de estar en pleno verán, xa estamos preparando deseños de Nadal. Sí! Sí! Estades a ler perfectamente! Entre fíos, cores e moita imaxinación este grupiño está a dar forma a creacións que nos trasladan a unha das épocas máis especiais do ano. Nesta ocasión, tapizamos un Rudolf moi aventureiro que saíu en pleno verán a dar unha voltiña. Menudas risas nos votamos co Rudolf!
Máis alá das pezas que tapizamos ao longo das distintas xornadas, estes obradoiros son espazos de participación, aprendizaxe e convivencia. Cada día é diferente entre conversas, risas e momentos compartidos que fan que o proceso sexa tan importante como o resultado final. Síntome moi agradecida de volver a Algaria e seguir tecendo novas ilusións e oportunidades. GRAZAS!
· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.





Comments