TECENDO REDES EN CARBALLIÑO
- xogodefios
- Jul 18
- 5 min read

O pasado 30 de xuño tiven a oportunidade de impartir un obradoiro de Xogo de Fíos no Centro Sociocomunitario de O Carballiño, unha xornada moi especial na que participaron cinco mulleres con discapacidade. A actividade, organizada por Diana técnica de Cocemfe, ten por principal obxectivo crear un espazo de encontro onde a artesanía serve como ferramenta para compartir, aprender e fortalecer a rede entre mulleres.
Nesta ocasión, traballamos cun deseño moi especial: un cabaliño de mar tapizado con fío. Como sucede en todos os obradoiros de Xogo de Fíos, cada participante foi descubrindo fío afío que a paciencia, a creatividade e a habilidade manual permiten dar forma a unha obra única. Pero o verdadeiro valor do obradoiro non é só o resultado final, senón todo o que acontece durante o proceso. Na mentres os fíos ían cubrindo cada deseño, tamén xurdían conversas, experiencias compartidas e momentos de complicidade que fixeron da actividade un espazo próximo e participativo.

A artesanía volveu a converterse nun vehículo para fomentar a autoestima, o empoderamento, a confianza nas propias capacidades e o apoio mutuo. En Xogo de Fíos creemos firmemente que cada obradoiro é moito máis que aprender unha técnica artesanal. É unha oportunidade para crear comunidade, xerar vínculos e demostrar que todas as persoas temos capacidades que poden florecer cando encontramos un entorno participativo.
Grazas a Diana pola súa cercanía, implicación e excelente organización da actividade. Grazas por seguir impulsando iniciativas como esta e, moi especialmente, dar as grazas ás 5 participantes que viñeron tanta ilusión.

· Actividade financiada por Fundación la Caixa dentro do Programa de empoderamento e activación para o emprego de mulleres con discapacidade de Cocemfe.
· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.
VOLVEMOS FIAR ILUSIÓNS EN ALGARIA
Este verán Xogo de Fíos volve retomar o obradoiro na Asociación PCD Algaria, unha entidade de persoas con discapacidade de Xinzo de Limia (Ourense). Foi un reencontro que me enche de orgullo e ilusión xa que é o segundo ano que comparto esta experiencia cun grupo de 10 persoas con discapacidade. E como sempre, temos un ambiente moi animado con novas incorporacións!
Desde o primeiro día recibíronme con entusiasmo e gañas de volver traballar co fío. Para min tamén é unha satisfacción enorme comprobar como lembran as técnicas aprendidas e afrontan cada novo reto con ilusión, esforzo e creatividade. Neste obradoiro todo é posible! O fío convértese na canle condutora para crear, compartir e medrar xuntos.
O máis curioso desta edición é que, a pesar de estar en pleno verán, xa estamos preparando deseños de Nadal. Sí! Sí! Estades a ler perfectamente! Entre fíos, cores e moita imaxinación este grupiño está a dar forma a creacións que nos trasladan a unha das épocas máis especiais do ano. Nesta ocasión, tapizamos un Rudolf moi aventureiro que saíu en pleno verán a dar unha voltiña. Menudas risas nos votamos co Rudolf!
Máis alá das pezas que tapizamos ao longo das distintas xornadas, estes obradoiros son espazos de participación, aprendizaxe e convivencia. Cada día é diferente entre conversas, risas e momentos compartidos que fan que o proceso sexa tan importante como o resultado final. Síntome moi agradecida de volver a Algaria e seguir tecendo novas ilusións e oportunidades. GRAZAS!
· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.
FIADAS QUE CONECTAN CAMIÑOS
O pasado 16 de xullo vivimos unha desas experiencias que deixan pegada en Xogo de Fíos, estamos a falar da visita de Discamino a nosa tenda. Un momento emocionante!
Discamino é unha entidade social de Vigo que fai posible un Camiño de Santiago accesible para todas as persoas. Unha asociación que, dirixida por Javier Pitillas, leva anos demostrando que os soños tamén se fan realidade para as persoas con discapacidade ou maiores. A través de bicicletas adaptadas e do apoio dun extraordinario equipo de persoas voluntarias, conseguen que cada quilómetro estea cheo de maxia, compañeirismo e superación. Unha experiencia realmente inclusiva! Nesta ocasión estaban a percorrer a Ruta da Prata, desde Sevilla ata Santiago de Compostela, e o seu paso por Allariz decidiron desviarse unha miga para coñecer Xogo de Fíos.
Foi unha parada breve pero moi especial: aproveitaron para repoñer folgos, tomar un café, degustar un anaco de bica e compartir experiencias do camiño. Tiven a oportunidade de presentarlles o meu proxecto artesanal e explicarlles como tapizo cada peza empregando unicamente o tacto. Como o fío se converte na ferramenta de creación, inclusión e superación persoal. Pola súa banda, eles tamén nos contaron como estaba transcorrendo o camiño despois de tantas xornadas de cansazo, as emocións vividas en cada etapa e o enorme traballo de equipo que hai detrás dunha iniciativa tan inspiradora.
En Xogo de Fíos sempre defendemos que a artesanía é moito máis que unha forma de expresión artística, tamén é o xeito de crear vínculos, compartir historias e facer visibles proxectos que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva. Recibir a Discamino na tenda foi un auténtico privilexio! Compartimos iniciativas diferentes pero cun valor común: poñer ás persoas no centro e demostrar que as barreiras poden transformarse en novas oportunidades.
GRAZAS DISCAMINO por facer esta parada no camiño!
COMEZAMOS A 3ª TEMPADA DE SERES DE BEN
Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta segunda tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!
· Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.
· Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.
_______
Para entidades: Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.


Comments