Durante este mes de febreiro a exposición itinerante “Galicia en fíos” estivo exposta no Espazo da Xuventude de Chantada (Lugo). Trata dunha colección de 25 obras artesanais confeccionadas con fío que, Baixo temática galega, percorren a nosa historia, cultura e tradicións. Xa son moitas as vilas da nosa xeografía que deron a coñecer a exposición pero, neste caso, é a segunda vez que teño a honra de ser convidada a este espazo. Cada peza ten a súa propia historia e personalidade pero, en calquera caso, resulta fascinante ir descubrindo un conxunto de fiado que sempre vai ter algo máis que contar.
Asemade, con motivo da exposición Neste espazo tamén fun entrevistada en Radio Monforte. Unha emisora da comarca do Lemos que realiza un traballo cultural realmente admirable. Por certo, Rafa grazas por esa conversa tan amigable e cómoda, foi un verdadeiro pracer coñecerte. As persoas interesadas, podedes volver escoitar a entrevista nas redes da radio!
Finalmente, chegou o 1 de marzo e tocou recoller a exposición. Pero como había moitas inquedanzas e desexos por descubrir o proceso de confección, Marina e eu decidimos organizar un pequeno obradoiro. Bueno… teño que concretar que de pequeno non tivo nada! Viñeron sobre 15 persoas, así que eu diría que tivo moito éxito! Como era a primeira vez para este alumnado, levamos uns deseños moi sinxelos nos que traballaron directamente sobre cartón pluma para facilitar o proceso. Os magníficos resultados podedes comprobalos nas fotos.
Sen dúbida, teño que dar as grazas en maiúsculas a Marina e o resto de persoal do Espazo da Xuventude por tan boa acollida. Non só se preocuparon pola publicidade da exposición, senón que tamén fixeron posible a realización deste obradoiro artesanal. Pola miña banda encantada de poder repetir nun futuro próximo.
Ata outra!!!
Comments