
Xa sabedes que en Xogo de Fíos encántanos compartir experiencias! Por iso, nada mellor que esta última aventura polas terras de Allariz, concretamente da man da Asociación de veciños e veciñas de Outeiro de Orraca. Animáronse a participar un grupo de 8 mulleres, teño que aclarar que entusiastas e moi creativas, que deixaron voar a súa imaxinación e destreza manual para dar vida esta actividade. E xa que estamos en xaneiro, o mes internacional da paz, decidimos fiar unha fermosa pomba. Como podedes ver... algunha saíu ben colorida!!!

Como foi un obradoiro intensivo de dúas semanas, as participantes aprenderon as técnicas básicas deste tapizado con fío. Pero quedei abraiada porque, a pesar da novidade, cada unha aportou o seu estilo único e creatividade persoal. Senón que llo digan a Pacita! Síntome moi contenta da boa aceptación do obradoiro e dese ambiente cálido e distendido que compartimos entre todas. Intercambiamos conversa, unhas cantas risas e vivencias, pero sobre todo moita arte. Grazas pola participación e o entusiasmo que mostrastes, así da gusto!
Realmente isto é o que merece a pena dos obradoiros artesanais, e o que da sentido a labor de Xogo de Fíos como emprendedora con discapacidade: conectar ás mulleres do rural a través da arte e a creatividade. Finalmente, aproveito para enviar un enorme agradecemento a A.V.V. Outeiro de Orraca por abrirnos as portas da asociación e, moi especialmente, a Teresa por tomar a iniciativa.
Ata pronto!!!
Se ti pertences a unha asociación e queres ser partícipe do cambio social, só tendes que contactarme para adaptar o obradoiro as vosas necesidades. En Xogo de Fíos apostamos pola arte inclusiva. Fíaste?
Commenti