Colaborar no programa Seres da Radio Galega, con Rubén Rios e o seu equipo, teño que recoñecer que é unha gran sorte. Síntome afortunada de poder participar no programa e dar voz a moitas realidades que estaban agochadas. Semana tras semana, busco novas historias que nos axuden a reflexionar sobre as problemáticas actuais. Hoxe déixovos aquí unhas poucas ligazóns para que vaiades escoitando con calma. Recordarvos que só son das miñas colaboracións, se queredes todos os programas anímovos a visitar a canle da Galega Audio.
Prega no título de cada semana para acceder o audio.
Descobre un proxecto social innovador, no que a formación en igualdade será a ferramenta de transformación social para empoderar a todas as mulleres. Unha iniciativa dixital levada a cabo por Carmen, historiadora especializada en igualdade, na que pretende chegar ás mulleres galegas sen importar a localización, a formación ou o status. Tamén é un espazo de unión e comunidade, no que compartir experiencias e realidades invisibles. Todas somos benvidas nesta escola!
Imaxinade que tendes que elixir... cegueira adquirida ou de nacemento? A esta eterna cuestión pretendemos dar resposta Amadeo e mais eu. Se vos parades a pensar, estamos ante unha encrucillada ben difícil de resolver. Amadeo non coñece outra cousa mais que o seu mundo a cegas, eu pola contra teño recordos en color. Sen embargo, eu tiven que adaptarme física e emocionalmente a unha realidade na que Amadeo sempre foi feliz. A cousa está complicada... escoita atentamente e valora cada opción por ti mesmo/a!
É ben sabido que esta loita ten que ser todo o ano, pero desde Seres queremos facer fincapé concretamente neste día: 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista. Como podedes ver a diario nas noticias, as cifras oficiais de asasinatos machistas estase incrementando ano tras ano e na actualidade estamos ante un problema social. Por iso, é tan importante que desde os medios de comunicación insistamos na reivindicación desta data. As nosas ondas transmiten igualdade e loita contra o machismo, e ti?

Decidín dar voz este proxecto porque recentemente acaba de gañar o premio de “Impacto Social” no II Congreso de Emprendemento e Discapacidade, outorgado pola Fundación ONCE. Un merecido recoñecemento a labor de Eloy, nutricionista de Rianxo que está cambiando a forma de alimentación nas escolas galegas. O seu método innovador pon no centro aos menores, xa que se desde a infancia aprendemos a comer, non teremos que afrontarnos a tediosas dietas na nosa vida adulta. Escoita con atención os consellos de SanaEloy e desfruta dunha alimentación saudable.
O tempo pasa nun suspiro sen deterse con ninguén! Quen diría que xa estamos no programa 15, por iso toca facer repaso destas xornadas. Cal é a sensación? Pola miña parte é un privilexio formar parte deste equipo e oxalá sigamos sumando historias. Non podo máis que agradecer a Rubén Rios pola oportunidade de aprendizaxe que está sendo para min este programa. Pero agora tócache a ti, escoita e desfruta da sensación.
Nesta ocasión quedamos ben pretiño da casa e, xa vos vou adiantando, que pagou a pena. Nas terras da Limia descubrín o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, en realidade xa leva en funcionamento máis de 40 anos, pero eu quédome co seu recente proxecto: alumar. Unha iniciativa chea de amor e maxia, na que se pretende que ningún fogar da comarca quede sen un Nadal cálido. Un proxecto que conecta ilusións e dinamiza o noso rural. Queres saber máis?
Co comezo do ano tamén traemos novas historias ben fresquiñas! Os Reis Magos viñeron cargadiños de libros e..., niso estamos! Como di Maitane, a creadora deste proxecto social, os libros son unha ventá aberta ao coñecemento. Por iso, ela desde a Serra de Outes creou ULA Librería Social. Unha iniciativa que busca o dinamismo do rural na mentres se desfruta dunha boa historia. Mergúllate en ULA e descobre todas as actividades que se van realizar proximamente.
As Raposiñas é un proxecto de cerámica que forma parte da artesanía de Galicia, situado na Pobra do Caramiñal (A Coruña). Unha iniciativa artesanal familiar creada por Loaira e o seu tío Abelardo. Neste obradoiro podes atopar pezas cerámicas de gran diversidade de temáticas e modelos, xa que o equipo creador vota a voar a súa imaxinación e... agochan sorpresas! Aínda que se o teu obxectivo é aprender, podes asistir ós obradoiros das Raposas e crear por ti mesmo/a. Escoita, escoita que isto promete!
Coñecedes este rapaz? Sabedes que é o canta-galos? De non darse o caso, invítovos a seguilo en redes e aprender da súa man a amar a terra galega, as nosas tradicións e costumes. A súa xuventude non lle impide investigar sobre instrumentos musicais elaborados cunha simple folla de loureiro ou descubrir a historia detrás do chapeu: Sancosmeiro. Estades a piques de descubrir un influencer da cultura galega!
E isto é todo por hoxe! Eu despídome aquí, pero agardade ao próximo post que virá cheiño de novas historias por descubrir. Só vos deixo unha pequena pista: Artesanía de Galicia. Aí quedades!!
تعليقات