ESTREAMOS 2ª TEMPADA DE SERES DE BEN
- xogodefios
- Oct 11
- 3 min read

Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de comunidade: Seres de ben. Un programa dirixido por Rubén Ríos que pon o foco nas persoas, e agora está estreando a súa segunda tempada nas ondas. A través de entrevistas próximas e testemuñas inspiradoras coñecemos historias que contribúen a facer do mundo un lugar máis humano. Seres de ben recórdanos que a solidariedade, a empatía e a creatividade están presentes na vida cotiá de todos nós e merecen ser visibles. Para esta 2ª tempada repito como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por volver a brindarme esta oportunidade de inclusión e confiar en min. Pola miña parte, intentarei semana tras semana dar voz a esas realidades que soen ser descoñecidas. Falaremos de todo un pouco: artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, tamén vos animo a propor temáticas relacionadas co ámbito social. Todas as ideas son benvidas!
· Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.
· Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.
Volvemos! E con moitas gañas! O verán pasou tan rápido que, cando nos damos conta, estamos outra vez comezando coa rutina do ano. Coas pilas xa ben cargadas iremos, semana tras semana, presentando novas historias e proxectos. En Galicia tamén hai calidade e bo facer, polo que se estades preparados... Arrancamos nas ondas!
Como persoa con discapacidade física, son testemuña de que viaxar non resulta sinxelo nin barato para este colectivo. Moitas son as barreiras que impiden o acceso ó turismo en igualdade de condicións, hoxe descubrimos as principais limitacións a través da miña experiencia persoal. Queres saber de que che falo? Só escóitanos!
A comezos deste ano 2025 tivo lugar un acordo que abre a esperanza á inclusión das persoas con discapacidade no sector turístico. Ambas entidades comprométense a facer dos pobos máis bonitos de España un lugar accesible para todos, no que poder desfrutar e participar de forma igualitaria. Queres coñecer os detalles do acordo? Sabes cales son os pobos galegos aquí incluídos?
Este verán 2025, se por algo se coñeceu Ourense foi precisamente pola vaga de incendios que arrasou o 10% da provincia durante o mes de agosto. Lumes virulentos que arrasaron os montes, pero tamén a nosa herdanza e a posibilidade dun futuro no rural. Lumes que levaron os nosos recordos e, agora que? Como vivimos coas cinzas? Que nos agarda?
Fran sempre tivo verdadeira paixón pola música, pero desde o ano 2009 apostou todo pola fabricación de guitarras eléctricas de madeira. Un proceso de elaboración complexo e manual que fai que estes instrumentos sexan únicos. Invítote a descubrir a historia de Fran e as súas guitarras. Escoita!
A solidariedade non só debe ser unha teoría, senón que hai que levala á práctica. O equipo de voluntarios que integran esta entidade sen ánimo de lucro viaxan cada ano a Senegal. O obxectivo é levar axuda sanitaria e comunitaria ós poboados, onde as condicións humanitarias son difíciles. A través de Óscar, fixemos un recorrido pola historia da entidade e coñecemos máis de cerca a cultura, costumes e xentes do país africano. Sabes cal é o proxecto deste ano? Bo viaxe compañeiros!
GRAZAS por estar aí acompañándonos desde as ondas. GRAZAS por todas as mensaxes de cariño e apoio recibidos. Vós sodes todo para a radio. Por suposto, tamén agradecer a todas as persoas que aportaron as súas testemuñas, proxectos e experiencias. GRAZAS! SEGUIMOS!



Comments