DESCUBRE AS NOVAS HISTORIAS DE SERES
- xogodefios
- May 14
- 4 min read

O certo é que xa levo varios meses colaborando no programa Seres da Radio Galega, con Rubén Rios e o seu equipo, e admito ter moita sorte de estar en tan boa compaña. Eu non son profesional deste sector, pero non me faltan as gañas de aprender e esta oportunidade é única. Cada semana é unha historia diferente, atopada nos recunchos máis inóspitos da nosa comunidade, pero o obxectivo sempre é dar voz ás distintas realidades. Desta volta, empezamos 2025 alternando a presentación de proxectos pertencentes a Artesanía de Galicia, coa busca de novas historias sociais que fagan reflexionar ós nosos oíntes. Hoxe déixovos aquí unhas poucas ligazóns para que vaiades escoitando con calma. Recordarvos que só son das miñas colaboracións, se queredes todos os programas anímovos a visitar a canle da Galega Audio.
· Prega no título de cada día para acceder o enlace do programa.
Lumecu é un proxecto téxtil que forma parte de Artesanía de Galicia. Céntrase na confección de prendas contemporáneas que combinan a tradición e cultura galegas, cun enfoque vangardista e sostible. Mercedes, a súa creadora, non só busca continuar coas técnicas ancestrais da produción de liño, senón que tamén se esforza por innovar, adaptándose á demanda do mercado actual. Descubre esta artesá de Vilar de Santos que fai da cultura galega unha marca persoal con estilo propio.
Matria é unha iniciativa da comarca de Valdeorras, é un proxecto de empoderamento das mulleres rurais pero tamén é un proxecto de unión xeracional. Laura e Elvira, filla e nai, queren visibilizar as nosas raíces a través de reflexións e postas en común. Un proxecto que acaba de gañar o Premio AGADER da Xunta de Galicia, polo que este recoñecemento tan merecido vai dar os seus froitos para as nosas protagonistas. A nosa máis sincera en hora boa!
Algunha vez vos parastes a pensar... como soa esta campá? Ou quen a faría? No programa de hoxe vamos desvelar todos os segredos da fabricación de campás. Guillermo e mailo seu pai pertencen a unha longa linaxe familiar de campaneiros, unha tradición que perdura desde o S.XV cando sendo nómades percorrían os camiños. Actualmente, o obradoiro de Campás O Campo pertence a Artesanía de Galicia e tamén se encargaron da renovación das campás da catedral de Santiago. Descubre un proceso artesanal cheo de historia e tradición!
Este é un tema do que non se soe falar moi a miúdo, pero de gran relevancia social. As persoas con discapacidade, na maioría de ocasións que pretendemos contratar un seguro, estamos discriminadas pola nosa situación. É unha realidade que se esconde detrás de cláusulas abusivas ou da asunción dun elevado risco, pero tan só é discriminación. Por iso, Montse decidiu investigar para tratar de axudar ás entidades e persoas con discapacidade.
En Monforte de Lemos encontramos un fabricante de zapatos que segue coa tradición artesanal, instaurada polo seu tataravó en 1898. Para este home, a perda de Cuba supuxo unha oportunidade de negocio na súa aldea natal, troixo consigo o aprendizaxe da técnica do empalmillado ou dobre costura. Escoita e descubre como a tradición foi pasando de xeración en xeración, hasta chegar á actualidade cunha marca recoñecida mundialmente.
Xa vos teño contado en programas anteriores que ademais da discapacidade, tamén estou en situación de dependencia. Debido a esta realidade, hai 2 anos solicitei á Xunta de Galicia o recurso da asistencia persoal que certamente cambiou a miña vida. Neste caso, Laura é a persoa que ocupa este posto e axúdame non só coas tarefas da vida cotiá, senón tamén desde o ámbito laboral e de ocio. Invítote a que escoites con atención este programa e, se tes dúbidas ou discapacidade, anímote a que me contactes ou mesmamente cos servizos sociais de referencia. Este recurso merece a pena!
Todos e todas pasamos por esta etapa vital, pero o certo é que non soemos pensar nos mozos e mozas que teñen discapacidade. Como se senten? Cales son as súas inquedanzas? Cales son as súas oportunidades laborais? En que situación se atopan? A isto e outras cuestións responde o 8º Informe de xuventude e discapacidade, publicado pola Fundación Adecco en 2023. Invítovos a escoitar este programa e reflexionar sobre esta realidade social que nos afecta a todos.
No corazón da capital galega, atopamos o obradoiro de orfebrería de Susi Gesto pertencente a Artesanía de Galicia. Un oficio artesanal herdado de seu pai e avó, pero na actualidade conta coa visión contemporánea de Susi. Descubre a innovadora técnica coa que está diferenciando o seu negocio, para que cada peza deste obradoiro sexa totalmente exclusiva e única.
Con estas siglas coñecemos a Julia Marín Ramírez, unha moza de Cartaxena (Murcia) afincada en Galicia desde hai varios anos. Esta murciana sente verdadeira paixón pola cultura e tradición galegas, tanto é así que, desde 2021, dedícase profesionalmente á elaboración de instrumentos musicais. Entre os que podes atopar pandeiretas, pandeiros, tarrañolas... Se che conto todo, sabes máis ca min! Entón anímote a que escoites esta historia e sentas verdadeiro orgullo desta moza adoptada pola nosa terra.
Na miña visita á provincia de Sevilla, non só aproveitei para facer turismo, senón que tamén para dar visibilidade a algunhas realidades que están totalmente invisibilizadas. A miña compañeira Noelia, educadora no cárcere de Morón de la Frontera, propúxome dar unha charla sobre a miña experiencia coa discapacidade e co emprendemento. Coñecín ós internos do módulo 15 da UTE (Unidade Terapéutica e Educativa), que están privados de liberdade debido a que as adiccións os levaron a delinquir. Unha experiencia moi emocionante, na que me sentín moi acollida e que volvería repetir. Grazas pola oportunidade! E polos agasallos!

E isto é todo por hoxe! Eu despídome aquí, pero agardade ao próximo post que virá cheiño de novas historias por descubrir! Como sempre, agradecervos por escoitarnos cada noite e polos apoios recibidos diariamente.



Comments