top of page

FIADAS DESDE O CENTRO PENITENCIARIO DE PEREIRO DE AGUIAR


Este pasado mes de abril tiven a oportunidade de impartir un obradoiro de artesanía no Centro Penal de Pereiro de Aguiar (Ourense), en colaboración con APES, dirixido a 6 mulleres do módulo feminino. Foron 4 xornadas que acabaron sendo moito máis que un obradoiro: unha aprendizaxe compartida e un encontro de realidades diversas.

A primeira xornada estivo centrada nas presentacións e compartín a miña historia persoal, marcada pola discapacidade e a superación de múltiples barreiras ó longo da vida. Foi un dos momentos máis importantes para xerar confianza entre nós e abrir un espazo de diálogo. Nas seguintes sesións empezamos a traballar co fío para aprender a tapizar unha bolboreta. Un deseño con formas sinxelas pero cargado de significado: símbolo de cambio, transformación e novas oportunidades. Cada unha delas foi dando forma a súa propia creación, descubrindo novas capacidades, paciencia e moita creatividade.


Co paso dos días fomos coñecéndonos mellor, o obradoiro converteuse nun espazo onde derrubar prexuízos e estereotipos que a sociedade adoita construír arredor da poboación reclusa. Na mentres as participantes ían aprendendo a fiar, nos tamén aprendíamos sobre a vida dentro da prisión: o seu día a día, a convivencia, a linguaxe e as súas historias persoais. Esta experiencia reafirmoume algo fundamental: as persoas hai que miralas máis alá das etiquetas. Hai que escoitar, comprender e coñecer antes de xuzgar.

A acollida foi marabillosa, creamos un ambiente de respecto, confianza, empatía, apoio mutuo e compañeirismo. Todas nos sentimos parte do grupo e conformamos un ambiente familiar. Na última sesión dedicámola a rematar as bolboretas e colocalas nos seus respectivos cadros. Foi un momento moi especial, cheo de orgullo polo traballo realizado e emoción. Despois compartimos unha tarde distendida, entre risas e conversas de todo tipo, incluso tivemos tempo de tomar uns cafés e algo de picar. Pechamos o obradoiro cunha foto conxunta na que tamén participou o director do centro.

Agradezo a APES por contar comigo para a realización desta actividade, e moi especialmente a súa técnica Laura por todo agarimo mostrado. Unha experiencia que demostra que moitas veces só fai falta un fío para empezar a tecer novas oportunidades.


Actividade enmarcada dentro do proxecto “Punto de partida”, financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, e levouse a cabo en colaboración con APES (Asociación de Profesionais de Educación Social).





  • Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 
 
 

Comments


bottom of page