FINAL 2ª TEMPADA DE SERES DE BEN
- xogodefios
- 6 days ago
- 4 min read

Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta segunda tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!
· Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.
· Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.
Eva sempre tivo claro que o seu camiño era o arte, aínda que comezara entre a xeografía e a arqueoloxía. O seu universo creativo susténtase do rural, a natureza e a fantasía, pero tamén toma inspiración do Paint, do WordArt e daqueles primeiros ordenadores. Así nace un proxecto que mestura tradición e modernidade. Hoxe conta co seu propio espazo, cheo de vida e luminosidade. Escoita a historia detrás de cada ilustración!
Alberto encontrou na xoiería artesanal unha forma de vida para desfrutar da calma do rural. Tras formarse con distintos mestres artesáns, apostou por un oficio onde cada peza conta unha historia. Hoxe deseña xoias especiais de voda ou compromiso e invita aos seus clientes a vivir o proceso de fabricación. Crea vínculos, recordos e significado en cada experiencia. Descobre o valor do feito a man!
Alba de Vales recupera a figura case esquecida das xograresas medievais, mulleres que percorrían os pobos recitando cantigas e historias populares. Inspirada pola súa infancia no rural e a súa formación en teatro xestual e de obxectos, crea espectáculos onde tradición e creatividade van xuntas da man. A través de cantigas, romances de cego e recursos cotiáns da voz a unha memoria que xa non lembramos. Un proxecto artístico e vital que reivindica identidade, historia e raíces femininas. Descobre a maxia da xograría!
Bea converteu a súa paixón polo motor nun proxecto colectivo que rompe moldes. O que comezou como unha afección entre amigos acabou dando lugar a este club de motos de Taboadela. Cunha directiva formada integramente por mulleres, organizan actividades para dinamizar o rural (rutas, comidas, xuntanzas....). Un exemplo de iniciativa e paixón sobre rodas que desafía estereotipos e comprométese co entorno. Cada quilómetro conta! Escoita e déixate levar!
Patricia chegou de Bos Aires a Galicia e encontrou na cerámica unha nova forma de entender a creación artística. Despois de anos dedicada á arquitectura, decidiu escoitar a súa verdadeira vocación e dar vida a un proxecto artesanal único. Xunto coa súa filla, desde a preciosa cidade da Coruña transmiten a calma e o valor do feito a man. Escoita a súa historia e descobre o que agarda detrás de cada peza!
Neste programa German e María van compartir o espazo cunha moi boa nova de Xogo de Fíos. Xa non digo máis! Pero que é Buscalume? Descobre unha editorial de xogos nos que impera a socialización, a familia, a amizade, a educación ou a unión lonxe das xa cotiás pantallas dixitais. Un proxecto diferente que converte cada partida nunha historia compartida!
Desde unha realidade moi diferente á galega, Laura de Perú é un exemplo de loita e superación fronte ás barreiras. Con parálise cerebral, atopou enormes dificultades para acceder á escolarización nun sistema pouco inclusivo. Grazas ó apoio inesperado dunha familia conseguiu saír adiante e hoxe é doutorada en Administración e xestión pública. Unha testemuña que nos invita a reflexionar e cambiar a mirada cara a discapacidade. Escoita o programa e déixate inspirar!
Verónica medrou entre flores no rural de Paderne (Betanzos), onde desde cativa axudaba no invernadoiro familiar. Tras formarse e traballar no ámbito social, decidiu emprender e crear Floradeira. Un proxecto que une tradición, natureza e creatividade e que lle permite seguir apostando polo rural como motor de cambio. Desde a antiga palleira de seu avó, elabora ramos e pezas únicas pondo en valor o feito a man. Unha historia con raíces fondas e moita sensibilidade, descobre todo o que hai detrás!
Desde Viana do Bolo, Vanesa e Mickael teñen este proxecto artístico que fusiona a cultura galega, irlandesa e xaponesa. A súa proposta aposta por unha arte sostible, local e conectada coa natureza, recuperando o valor da cultura popular e da participación comunitaria. A través de obradoiros e creacións persoais, buscan transformar o rural nun espazo creativo e vivo. Escoita o programa e descobre outra forma de entender a arte!
E así chegamos ó final desta 2ª tempada de Seres de ben. Foron meses cheos de historias humanas, proxectos inspiradores e persoas que nos lembran que a empatía, a creatividade e a inclusión están presentes no noso día a día. GRAZAS a Rubén Rios por darme de novo a oportunidade de participar nesta aventura radiofónica. E tamén grazas a todas as persoas que estivestes aí acompañándonos desde as ondas. GRAZAS por todas as mensaxes de cariño e apoio recibidos. Vós sodes todo para a radio! GRAZAS!
Para entidades: Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.



Comments