

Hoxe foi un día moi especial para min! Despois de dous anos volvín ao CEIP de Seixalbo (Ourense), aínda que desta volta tocou unha charla de sensibilización coa discapacidade; neste caso en colaboración con COGAMI. Eva, a traballadora social da mencionada entidade, e máis eu temos claro que para que o alumnado entenda a discapacidade hai que presentar un exemplo práctico.
Neste caso, o alumnado de 6º Primaria aprendeu sobre discapacidade, inclusión e creatividade. Compartimos un espazo de aprendizaxe no que lle expliquei, a través da miña experiencia vital, o que significa vivir con discapacidade desde cativa. Asemade, Eva mostroulles como a accesibilidade e a provisión de apoios mellora a calidade de vida das persoas con discapacidade, o mesmo tempo que permite a nosa plena participación na sociedade. Deben ter claro que a discapacidade non é unha barreira en si mesma, senón que as verdadeiras limitacións proveñen do entorno. Realmente resulta emocionante ser partícipe desas reflexións cara o respecto e a empatía.
Finalmente, para que entenderan a importancia da inclusión, presenteilles o meu proxecto: Xogo de Fíos. Unha iniciativa grazas a cal eu atopei unha saída laboral que me permite crear o meu proxecto de vida, en busca dunha maior autonomía persoal. O alumnado puido ver en primeira persoa os cadros que confecciono e o dinamismo desta técnica artesanal. Quedaron abraiados!
Moitas grazas pola participación! Ata outra!
· Se es mestre/a e queres que o teu alumnado sexa partícipe do cambio social, só terás que contactarme para organizar unha charla tan amena como esta. En Xogo de Fíos apostamos pola arte inclusiva. Fíaste?
Comments