top of page

A VIAXE DE SERES DE BEN REMATA

Despois de tantos meses colaborando no programa “Seres de ben” da Radio Galega, con Rubén Rios e o seu equipo, espero que xa me coñezades ben. Polo que, imaxino que xa descubristes a miña inquietude por dar voz ás realidades sociais que máis agochadas se atopan. Unha inquedanza que me leva, semana tras semana, na busca de novas historias polos recunchos da nosa comunidade. Agora que esta viaxe radiofónica vai chegando o seu fin, quero agradecer de corazón a todas as persoas que estivestes aí, escoitando e compartindo os contidos semanais. De seguido déixovos as ligazóns correspondentes ós programas das miñas colaboracións, no caso de estar interesados en todos os programas anímovos a visitar a canle da Galega Audio.

• Prega no título de cada día para acceder o enlace do programa.


No sur de Galicia, na histórica vila de Tui, atopamos un proxecto que forma parte de Artesanía de Galicia: Cabuxa. Neste obradoiro atoparás unha profunda conexión coa tradición e coa materia prima natural, especializado no deseño e elaboración de complementos de coiro cunha marcada identidade artística. A capacidade creativa de Ana e a investigadora de Alfonso, fixeron posible a tatuaxe directamente na pel de deseños únicos e exclusivos. Unha iniciativa que mestura o saber artesanal coa expresión contemporánea, a través de colaboracións con outros artistas gráficos de vangarda. Descobre como a arte cobra vida na pel na man deste singular proxecto!

 

Allariz volveu converterse este ano no espazo de encontro entre a moda, a creatividade e a solidariedade a través da celebración da II Edición Pasarela Solidaria. Un evento que une o talento de deseñadores/as e artesás da localidade coa vontade de transformar a realidade, a través da cooperación e o compromiso social. Unha pasarela que ten como obxectivo tecer redes de unión entre os negocios locais, ao tempo que doar fondos para a Asociación Española contra o Cancro de Ourense. Aproveito para dar as grazas a todos os voluntarios que fixeron isto posible. Sen dúbida, moda con alma desde un dos enclaves máis inspiradores de Galicia!

 

No corazón da cidade de Ourense, nace Bangus Market, un proxecto téxtil que forma parte de Artesanía de Galicia. No seu obradoiro, Alejandra mestura tradición vingt-age e innovación téxtil para crear deseños únicos feitos con materiais importados de Senegal. Coñece a historia desta muller que combina con mestría as súas dúas culturas de nacemento: galega e Serra Leona. Cada prenda conta unha historia e ben pode ser a túa. Descubre como neste proxecto se entende a moda, desde o respecto e a autenticidade!

 

O programa desta semana quero dedicalo a Camilo Conde Cid, veciño de Allariz, pero un amigo moi querido que nos deixou hai uns días e cuxa capacidade de resiliencia era admirable. Recordo que xa vos explicara o principio da tempada a historia de Camilo, como a artrite reumática o deixou nunha cadeira de rodas e sen case movemento, pero tamén como foi superando as barreiras que se lle presentaron o longo da vida. Querido amigo sempre estarás nos nosos corazóns!

 

Na última casa do Monte Pindo, cunhas fantásticas vistas, atopamos o obradoiro de cerámica  de Nacho Porto que pertence a Artesanía de Galicia. Unha aventura que comezou entre risas dunha panda de amigos, moldeando un taco de barro sen ter idea, hai máis de 40 anos e que agora continúa de xeito profesional. O universo de cerámica que crea Nacho combina a tradición de dous mundos: o mitolóxico e o contemporáneo. Cada peza que sae do seu forno leva impresa a esencia da terra e o peso dun oficio con raíces fondas, pero sempre en constante evolución. Descubre a maxia e o significado que envolve á cerámica de vangarda!

 

A realización de tarefas de voluntariado é moi gratificante porque sabes que estás facendo algo produtivo. Neste caso, a miña amiga Raquel foi unhas semanas a Cabo Verde co obxectivo de impartir charlas de empoderamento ás mulleres deste país africano. Neste programa contamos a súa experiencia e as diferentes realidades que viven as mulleres dentro dun mesmo país. Descubre como, con tan só un xesto, podes mover conciencias!

 

Entre as miñas aficións destaca a paixón por viaxar e sempre tiven a ilusión de facer o camiño de Santiago. Obviamente parecíame algo imposible de alcanzar debido a miña discapacidade, pero en Discamino fixeron posible cumprir este soño. Esta asociación ten como obxectivo facer posible que as persoas con discapacidade poidan chegar a Santiago. Hai distintas opcións pero para descubrilas, terás que escoitar con atención o programa de hoxe. Todo comezou en 2009 con Gerardo e Javier Pitillas, cando se propuxeron superar o reto de facer o camiño sen importar a discapacidade. Escoita con atención!


E isto é todo por hoxe! Eu despídome aquí, pero agardade ao próximo post que virá cheiño de novas historias por descubrir! Como sempre, agradecervos por escoitarnos cada noite e polos apoios recibidos diariamente.


 
 
 

Comentarios


bottom of page