FORO INCLUSIVO DA SUB-BÉTICA
- xogodefios
- 3 days ago
- 2 min read
Hai certos momentos na vida que marcan un punto de inflexión, no meu caso foi facer o Camiño de Santiago con Discamino. Coñecín a xente realmente marabillosa, pero entre todos estaba Jorge Moreno (monitor de Alba Sur). Deste camiño xerminou unha idea que pronto faríase realidade: Foro Inclusivo da Sub-Bética “experiencias inclusivas” (Córdoba).
Un encontro organizado pola asociación Alba Sur, celebrado en Priego de Córdoba, entre os días 24 e 26 de outubro. Para quen non coñeza esta entidade, Alba Sur leva 30 anos loitando polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e a súa inclusión sociolaboral. Unha aposta firme pola promoción da autonomía persoal do colectivo. Foron tres días cheos de inspiración, aprendizaxe e encontros. Proxectos que demostran que a inclusión é posible cando se fai desde a empatía, a cooperación e a creatividade.


O primeiro día tivo lugar o acto institucional de apertura, ó cal asistiron as autoridades locais e representantes de distintas entidades sociais da comarca da Sub-Bética. Aproveitando esta xornada, desde Xogo de Fíos fixen entrega dos logos tapizados en fío de Alba Sur e Discamino ós seus respectivos presidentes (Antonio e Pitillas). Un momento entrañable co que quixen agradecer a implicación de ambas entidades neste evento.

O segundo día centrouse na presentación dos proxectos participantes. Cada un aportou unha mirada distinta sobre como facer o turismo, o deporte e a vida comunitarias en espazos realmente inclusivos.
- Turismo Adaptado V3: Hamu presentounos a súa cadeira de monte, unha ferramenta que permite que as persoas con discapacidade física poidamos acceder a praias salvaxes ou a rutas de senderismo non adaptadas. Nesta experiencia única tamén ofrece a posibilidade de organizar viaxes ás Illas Lofoten (Noruega) para ver ás auroras boreais.
- Granada Integra: Eva e Antonio presentaron esta entidade que ofrece actividades deportivas inclusivas, onde persoas con e sen discapacidade participan xuntas. Pretenden fomentar a convivencia e o respecto mutuo a través do deporte.
- Discamino Vigo: Javier Pitillas volveu a presentar un camiño de Santiago inclusivo para todos. Simplemente hai que deixarse levar polos soños. Agora o obxectivo é escalar o seu proxecto para que en Alba Sur tamén poidan desfrutar destas bicicletas máxicas.
- Xogo de Fíos: compartín artesanía, fíos e creatividade cun público que aínda non me coñecía, pero sen dúbida cheguei ós seus corazóns. De feito, fixemos un obradoiro de fíos no que as persoas participantes descubriron a técnica de tapizado a través do tacto e quedaron encantadas da experiencia.

Este mesmo sábado pola tarde, desfrutamos dunha ruta ciclista inclusiva polas rúas de Priego na que os usuarios de Alba Sur e os participantes do foro probamos as bicicletas máxicas. Un pobo cun patrimonio impresionante e unha historia que nos atrapou a todos! Como broche final a esta xuntanza, o domingo realizamos unha ruta senderista inclusiva na que tiven a oportunidade de probar a cadeira de monte de Hamu. E foi unha experiencia única!

Sen dúbida foron uns días máxicos, emotivos e cheos de enerxía positiva. As persoas con discapacidade necesitamos máis proxectos como estes para que a inclusión sexa unha realidade. GRAZAS por unha invitación con tanto valor engadido. Grazas por crer nun mundo no que as experiencias sexan compartidas!



Comments