VISITA AO C.E.I.P. DE OIMBRA
- xogodefios
- Dec 19, 2025
- 2 min read
A semana do 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade, sempre está ateigada de eventos e reivindicacións para facer visible a discapacidade. Nesta ocasión visitamos o CEIP de Oimbra, un colexio do rural que aposta por o cambio social. Aínda que a idea orixinal partiu da orientadora Elena, todo o profesorado se implicou nesta xornada tan diversa. Compartimos inclusión, creatividade, artesanía, paciencia e moitas pero moitas risas.
Teño que recoñecer que foi unha xornada intensa pero chea de aprendizaxes e experiencias. Empezamos de boa mañá cunha charla para toda a escola, os 65 cativos sentáronse o meu redor e foi un momento moi emotivo captar toda a súa atención. Desde 1º Infantil ata 6º Primaria quedaron sorprendidos coa miña historia de vida. En realidade non só pretendo que saiban que é a discapacidade, senón que entendan as barreiras ás que nos enfrontamos na vida diaria e o valor da igualdade e o respecto mutuo. Por suposto, tamén lle expliquei o camiño ata a creación de Xogo de Fíos e como este proxecto artesanal fixo posible a miña propia inclusión sociolaboral. Construír unha sociedade plural e diversa, na que todas as persoas esteamos incluídas, é unha responsabilidade común. Despois vimos uns vídeos para darlle un toque de humor! Recordades ós zombis?
A segunda parte desta xornada foi a creatividade artesanal. Levamos distintos deseños, en función do ciclo educativo, para explicarlles o proceso de fiado a través do tacto. En Infantil tapizaron unhas botas de Nadal para colgar na árbore, e quedaron preciosas! A pesar de que son moi cativos, mereceu a pena ser partícipe da súa implicación. Os grupos de 1º, 2º e 3º de Primaria tapizaron flores ben diferentes: unhas cadradas e outras redondas porque todas formarán parte da pluralidade do mundo. Finalmente, os grupos de 4º, 5º e 6º de Primaria tapizaron uns redondiños moi navideños, cada un co seu estilo propio para convivir en harmonía na árbore de Nadal deste ano. Son realmente uns artistas! Creatividade e arte en estado puro! Quedaron unhas obras ben bonitas!
Para que vexades que a imaxinación pode levarnos a universos xamais soñados. Pola miña parte, só me queda agradecer tanto ó alumnado como ó profesorado pola magnífica acollida. Por facer sentirme na casa, foi un auténtico orgullo coñecervos e compartir con vós esta xornada. GRAZAS POR TANTO!

· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.





Comments