UN VERÁN DE FÍO CON XEITURA
- xogodefios
- Sep 18
- 2 min read
Estes meses de xullo e agosto tivemos a sorte de colaborar con Xeitura Patrimonio Cultural, ou mellor dito invitáronnos, no concilia verán da Biblioteca Pública de Ourense. O longo de 5 xornadas, , unha vez por quenda, compartimos coas crianzas de 4-6 anos a maxia da artesanía con fío.
Desde Xogo de Fíos, presentamos unha proposta sinxela pero creativa: xeados de fío. Os nenos e nenas confeccionaron, empregando unicamente o tacto e a habilidade manual, uns tapices de xeados con multitude de cores e sabores. A imaxinación viuse libre e cadaquén elixiu os seus sabores preferidos: chocolate, fresa, nata, limón, mora... Sen dúbida, os rapaces foron degustando cos seus dedos unha experiencia diferente. O resultado das obras artísticas deste ano foron marca-páxinas moi doces e orixinais que, xa que estabamos sendo creativos, brillaron con luz propia coa morea de purpurina que lle agregamos. Isto é algo que nunca falla! Encántalles!
Máis alá do resultado artesanal, o verdadeiramente especial foi ser testemuña de como descubrían que os fíos e o tacto poden converterse nun xogo, ao mesmo tempo que nunha forma de expresión persoal. Ademais tamén lle explicamos, a través dun conto, como a diversidade humana debe respectarse e tratarse con igualdade para construír unha sociedade máis xusta e equitativa.
Para min, compartir esta experiencia cós cativos é un regalo, é unha demostración de que a infancia non ten barreiras nin prexuízos. Aproveito estas liñas para agradecer a todo o persoal de Xeitura e ó equipo de monitores, que nestas xornadas nos estiveron acompañando, o máis sincero agradecemento por tan boa acollida. Por suposto, tamén quero enviar un fortísimo cariño ós case 100 rapaces e rapazas que durante este verán se converteron en auténticos artistas. GRAZAS!!!
Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.












Comments