top of page

UN SERÁN MÁXICO NO CAMPAMENTO XUVENIL ESPIÑEIRA (BOIRO)

Hoxe quero compartir con vós unha marabillosa experiencia que vivín no Campamento Xuvenil Espiñeira de Boiro (A Coruña), un espazo máxico onde un grupo de 12 adolescentes están desfrutando duns días dedicados ás artes creativas. Benvidos a Talentia!

ree

 

Como artesá, tiven a oportunidade de ser invitada para contarlle a miña experiencia vital coa discapacidade, así como a orixe e evolución do meu proxecto de emprendemento Xogo de Fíos. Todo isto foi posible grazas a Rubén Ríos, produtor do programa radiofónico Seres de ben, que organizou este encontro de mentes creativas. Para que o talento xuvenil e a creatividade sigan a desenvolverse e fomentarse entre a xuventude.

 

Como di o dito “máis vale unha imaxe que mil palabras”, vimos varios vídeos de Xogo de Fíos para que coñeceran o proceso de tapizado e leveille unhas mostras. En concreto, a Aldea mariñeira e o Chaplin confeccionados con fío a través do tacto. Son das obras máis grandes que teño, xa que o obxectivo era que se apreciaran ben os detalles e o longo proceso de elaboración. Todo hai que dicilo, espertou moita curiosidade e fascinación entre os rapaces.

 

ree

A tarde foi un intercambio do máis bonito. Eles regaláronme varias cancións, unha pulseira e unha camiseta de Talentia pero sobre todo, regaláronme o máis bonito dunha persoa: a súa simpatía e agarimo. Finalmente, xogamos a dinámicas de inmersión coa cegueira, onde un voluntario tapa os ollos para vivir por uns intres outras formas de percibir e sentir o mundo que nos rodea.


ree

 

Acabamos a xornada entre fotos, risas e moita enerxía positiva. Sen dúbida, para min foi unha tarde inesquecible, desas que che recordan porque paga a pena compartir o que facemos e o que realmente somos. GRAZAS por todo! Por acollerme cos brazos abertos e mostrarme o voso agarimo!

 
 
 

Comments


bottom of page