top of page

TECENDO OPORTUNIDADES DESDE VERIN

O pasado 20 de abril tiven a oportunidade de participar na xornada “Potenciando os recursos do territorio: servizos esenciais para a poboación rural” organizada pola Xunta de Galicia, a través do Polo de Emprendemento de Verín, en colaboración co CDR Portas Abertas. Foi unha xornada na que os presentes compartíamos un sentimento común: o noso rural ten futuro e as persoas maiores son unha peza clave deste cambio.

 

Dentro deste contexto, impartín un obradoiro con 20 mulleres pertencentes a diferentes entidades da zona. Unha sesión práctica e creativa onde traballamos co fío non só como materia prima, senón que tamén como ferramenta de expresión e desenvolvemento persoal. O obxectivo principal efectivamente era aprender a tapizar, pero tamén demostrar que as capacidades persoais moitas veces poden transformarse en proxectos reais de emprendemento inclusivo.

 

Durante o obradoiro, cada participante tapizou coas súas propias mans unha pequena xoia artesanal: unha xoaniña tecida con fío. Máis alá do resultado final, o verdadeiramente impactante foi o proceso. Ver como ían collendo confianza, como se concentraban, como se sorprendían co que estaban fiando ou como se xeraba unha rede comunitaria, foi simplemente máxico!

 

A xornada contou coa presenza de Marta Vázquez, directora territorial da Consellería de Emprego, o que reforza a importancia desde o sector público de apostar por iniciativas que poñan en valor o talento e os recursos do territorio. Quero facer un agradecemento especial á Fundación Juana de Vega e o equipo técnico do Polo de Emprendemento de Verín, Ánxela Torres e Brais Fidalgo, pola súa implicación na xornada e organización impecable.

 

Este tipo de eventos reafirman que cando se crean espazos de encontro, participación e creatividade a cohesión social sempre responde de forma positiva. Foi unha xornada de aprendizaxe compartida entre todas as persoas presentes, por iso recalco a importancia de seguir traballando nesta liña para que a nosa comunidade siga medrando. GRAZAS!

 

·      Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 


 
 
 

Comments


bottom of page