SERES DE BEN: HISTORIAS PARA UN NOVO ANO
- xogodefios
- 1 day ago
- 4 min read
Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta segunda tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!
· Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.
· Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.

Hai vidas que obrigan a caer pero tamén a levantarse. Rafa é un pintor bohemio, con espírito libre e multi-facético. Unha desas persoas que soubo espertar o inxenio que moitos levan durmido. Desde a súa mocidade rebelde no Vigo dos anos 60 ata unha vida chea de viaxes, rupturas e renacementos. A arte nunca deixou de ser o seu refuxio persoal. Hoxe como xubilado activo en Ourense, segue creando sen normas nin etiquetas. Escóitanos e déixate levar pola súa historia!
Patricia e Fran converteron o deseño e o tecido nunha forma de expresión e empoderamento. Crecidas entre fíos, arte e encontros culturais, decidiron transformar un insulto nunha marca con identidade propia. Desde o centro de Vigo, crean moda con conciencia social, memoria emocional e inclusión. Estes irmáns deseñadores de moda apostan todo por vestir corpos e historias, que descubrirás tras cada prenda, e agora forman parte de Artesanía de Galicia. Descubre este proxecto de primeira man!
Presentamos unha iniciativa que xurdiu para cubrir baleiros, pero acabou creando un novo camiño para as mulleres emprendedoras do noso país. Esta escola xurde da unión de mulleres que puxeron sobre a mesa que o emprendemento feminino precisa de outros ritmos, coidados e propósitos. Inspiradas na primeira muller emprendedora con nome propio, agora acompañan a outras mulleres a crear proxectos con autonomía, responsabilidade e impacto social. A economía social fronte o feroz capitalismo que vive nestes días tan complexos. Acompáñanos nesta rede que non deixa de medrar!
Maleni chegou a Vigo con 50 anos, unha mochila chea de cambios e o firme desexo de decidir sobre a súa propia vida. Esta muller con síndrome de Down iniciou un camiño cara a autonomía real, baixo o incondicional apoio de seu irmán Antonio e amparada polo novo paradigma lexislativo que recoñece a capacidade xurídica de todas as persoas con discapacidade. A súa paixón pola arte, as mandalas e a creación manual deron lugar a un fermoso proxecto que fusiona inclusión e cultura galega. Unha historia valente que fala de dereitos, decisións e soños por cumprir. Escoita e verás!
Paco aprendeu este oficio da man de Serafín, un mestre tapiceiro que lle transmitiu o seu saber tradicional. Desde o seu obradoiro leva 40 anos dándolle vida a pezas con séculos de historia, apostando sempre pola máxima calidade e na esencia da peza. Pioneiro na introdución de novos materiais e procesos, hoxe enfróntase ao reto que supón o relevo xeracional cun obradoiro cheo de bo saber á espera de quen queira continuar. Descobre un legado con valor engadido!
Que sería de tantas familias sen eles? Os avós están aí, sen facer ruído, levando e recollendo aos netos, coidando cando os pais traballan e sendo rede de seguridade nos momentos difíciles. Pero tamén educan, transmiten valores e tradicións que quedarán na memoria colectiva. Neste programa invitamos á reflexión sobre o papel que desenvolven os avós nas nosas vidas, pero sobre todo dos seus dereitos e necesidades persoais. Ti que opinas?
Un bo día, a vida de Daniel cambiou por completo a causa dunha enfermidade rara. Tras anos de tratamentos, vida pacífica e dependencia familiar chegou o momento de que debía ser transplantado. Un reto que traia esperanza e que cambiou a súa mirada de cara o mundo. Despois dun longo proceso de adaptación coa nova realidade, renaceu coa pintura como motor. Agora coñecemos a un artista que crea murais de natureza e animais, sempre desde un punto de vista sostible e respectuoso co medio ambiente. Descobre un proxecto único!
Hoxe acercámonos á parroquia de Insua (Vilalba), onde compartimos con Lourdes todos os seus coñecementos sobre teares. Unha tradición ancestral que pasou de xeración en xeración e que ela soubo recuperar da memoria familiar. Un proxecto con historia e alma galega, un proxecto que non te deixara indiferente. Cada iniciativa que forma parte de Artesanía de Galicia ten unha sinal distintiva e por elo anímote a escoitalo. Por certo, sabes que significa Fusaiola?
GRAZAS por estar aí acompañándonos desde as ondas. GRAZAS por todas as mensaxes de cariño e apoio recibidos. Vós sodes todo para a radio. Por suposto, tamén agradecer a todas as persoas que aportaron as súas testemuñas, proxectos e experiencias. GRAZAS! SEGUIMOS!



Comments