top of page

SERES DE BEN CON NOVAS HISTORIAS

Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta segunda tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min  e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!

·      Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.

·      Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.


Pasar un cancro e adaptarse posteriormente á nova normalidade que isto implica non é sinxelo, especialmente se unha das secuelas é o linfedema. Isabel Lema é supervivinte do cancro de mama, decidiu crear a Asociación Libélulas en 2022 para que o remo sexa unha saída física e emocional ante esta enfermidade. Pontevedra só ten un equipo de dragón boat, pero o seu obxectivo é seguir aumentando modalidades para que esta comunidade siga medrando. Escóitanos e coñece en profundidade esta historia de superación. Ánimo!


Susana é integradora laboral e as súas inquedanzas lévana a argallar novos proxectos sociais. Ten vinculación con tres entidades sociais e desde 2022 decidiu crear o seu propio camiño. El Cole Social nace como resposta a esa necesidade de educar ós nosos cativos desde a intelixencia emocional e a escoita activa. Máis alá das materias convencionais, que ninguén pon en dúbida a súa importancia, debería complementarse coas emocións e o desenvolvemento da creatividade e o talento. Pero non quero seguir desvelando pistas, só escoita con atención!


Fernando non sabe moi ben cando aprendeu este oficio, el desde o berce xa entendía as primeiras puntadas. Unha profesión que decaeu coas décadas porque ninguén soubo valorar a súa importancia, pero que agora chegou a ser dos mellores de Galicia. O mero feito de que é o primeiro xastre en formar parte de Artesanía de Galicia penso que o di todo. Invítote a coñecer o universo de Fernando Freire e descubrir o seu espazo de traballo. Só escóitanos nas ondas! Merece a pena!


Como te sentirías se a túa vida cambiara de súpeto? Que farías se o teu mundo se derrubase nun momento? Isto pasoulle a Lea, unha profesora de matemáticas que hai 4 anos cambiou a súa realidade. Lea é forte e decidida, non se rende á primeira de cambio, pero as barreiras estruturais e sociais seguen aí presentes. A discapacidade segue tendo asociada moitos prexuízos. Escoita a historia de lea que nos invita a non perder o sorriso por moito que veñan nubarróns de tormenta. Foi un pracer coñecerte!


Na miña viaxe a Priego de Córdoba descubrín novas entidades e proxectos  que traballan a prol dos dereitos das persoas con discapacidade. Alba Sur organizou este encontro para dar visibilidade a outras realidades e intentar escalar o proxecto de Discamino no seu territorio. Para que os usuarios tamén poidan vivir en primeira persoa a liberdade que aportan as bicicletas máxicas. Escóitanos e coñece outros proxectos de deporte, turismo e comunidade inclusivos. Non quedarás indiferente!


Xaneco é chairego, fillo de carpinteiro artesán e inquedo por afrontar novos retos. Leva 30 anos dedicándose a fabricación manual de instrumentos musicais de percusión, a súa paixón pola música popular galega levouno a deixar unha profesión familiar e arrancar de cero. Pero non che vou contar todo, se non xa sabedes máis ca min deste proxecto que pertence a Artesanía de Galicia. Escoita! Escoita!


Hamu é educador social, unha alma libre que recorre o mundo para entender outras culturas e sensacións. En 2017 unha inesperada viaxe xunto a Carlos, un home con mobilidade reducida, cambioulle a vida e xerou unha poderosa idea: facer do turismo un dereito para as persoas con discapacidade. En 2020 nace este proxecto inclusivo que fusiona natureza, aventura e acompañamento coa súa emblemática cadeira oruga. Rutas inclusivas, soños compartidos e experiencias sen límites. Escóitanos e déixate levar!


Na marxe sur do río Arnoia, entre aldeas case esquecidas, xorde este proxecto para dinamizar o rural. Suso, natural da aldea de Pazos, decidiu vender a súa empresa e apostar polo territorio. Artesanía, agricultura e gandería ecolóxica, tele-traballo e comunidade conviven nun modelo pensado para asentarse neste recuncho natural. Un refuxio de calma que xa atrae a visitantes de distintas partes do mundo. Descobre como o rural tamén pode ser futuro! Escoita a cada un dos nosos seres de ben!


Hai historias que se tecen fío a fío, con paciencia e moita paixón. Como a de Ana que desde Ortoño (Ames), onde Rosalía de Castro escoitaba as campás de Bastavales, foi medrando entre encaixe e moita perseveranza. Esta mestra de palillos ten unha traxectoria profesional que a está levando a distintas partes do mundo, formando e representando á artesanía en proxectos únicos. A súa próxima meta é o Vaticano! Que irá facer? Escóitanos para descubrir as súas aventuras!


A vida de Iago mudou por completo un día de verán. Con 17 anos, ninguén pensa que unha tarde de piscina entre amigos acabaría dun xeito tan dramático. Pero as veces a vida tórcese e a capacidade de resiliencia fai que saiamos adiante. Iago é lesionado medular e tivo que volver aprender a vivir coa discapacidade. Pero non todo é negativo, Iago superou os obstáculos do camiño e pronto estará exercendo de docente. Descubre a súa historia! Non te deixará indiferente!



GRAZAS por estar aí acompañán

donos desde as ondas. GRAZAS por todas as mensaxes de cariño e apoio recibidos. Vós sodes todo para a radio. Por suposto, tamén agradecer a todas as persoas que aportaron as súas testemuñas, proxectos e experiencias. GRAZAS! SEGUIMOS!

 
 
 

Comments


bottom of page