ROSALÍA EN PEQUENO FORMATO: UN RETO DE FÍOS
- xogodefios
- Feb 23
- 2 min read
Hoxe 23 de febreiro celebramos un día moi especial: Rosalía de Castro. Hoxe é un día de reivindicación dunha muller valente e loitadora que deixou unha pegada difícil de esquecer. Hoxe é o día da poeta, da escritora, da novelista... pero sobre todo da nosa alma galega. E tendo en conta todo isto, vouvos contar unha pequena historia.
Hai retos que chegan sen avisar, nunha feira ou nunha conversa casual e que marcan un punto de inflexión na traxectoria profesional. O deseño de Rosalía de Castro é un dos máis especiais e simbólicos de Xogo de Fíos. Un retrato en tons monocromáticos morados, escollidos con intención para simbolizar a valentía, a forza e a muller que escribiu a historia galega. Ata agora sempre tapizaba este cadro en formato A4, un tamaño co que me sentía cómoda e segura. Pero o verán pasado, durante a feira de San Roque en Vigo, apareceu Gloria e lanzoume un reto inesperado:
- “E se me fas este retrato de Rosalía en medio folio??”
Confeso que nun primeiro momento pareceume case imposible, pero díxenlle que o intentaría. Tapizar con fío un retrato cheo de matices xa resulta complexo nun A4, facelo en A5 supuña dous grandes desafíos. Por unha banda, estimular o tacto para tapizar en espazos moi pequenos. E por outra, reducir o deseño sen perder expresión nin esencia.
Pasaron varios meses, ata que a finais de novembro decidín enfrontarme ao reto. No primeiro intento, pensei que saíra bastante ben pero Rosalía non estaba totalmente perfecta. Tiña certos matices, especialmente na parte superior da cabeza, que visualmente non lle facía xustiza ao retrato orixinal. Gloria foi sincera e díxome que así non lle gustaba, sen dúbida tiña toda a razón! Pero máis alá do encargo, eu necesitaba superarme a min mesma e demostrarme que podía facelo mellor. Despois do Nadal volvín intentalo, buscando ese equilibrio entre formatos, e con paciencia e moito tacto... conseguido! Quedou fermosa!
Unha Rosalía de Castro pequena en tamaño, pero grande en forza e presenza. Gloria quedou encantada e eu quedei satisfeita do traballo realizado. Coñecedes esa sensación de orgullo e alivio cando te superas? Sinto un reto superado, un medo vencido e un paso máis neste aprendizaxe creativo.
Cada nova idea, cada novo formato e cada novo desafío tamén constrúen Xogo de Fíos. GRAZAS!






Comments