top of page

PEQUEFÍOS NO CONCILIA DE PEREIRO DE AGUIAR

O verán rematou! E que pena me da porque este ano estivo cheo de actividades e fiadas. En Xogo de Fíos non paramos! Aínda que xa pasaron varias semanas, non nos esquecemos da bonita experiencia vivida no concilia verán de Pereiro de Aguiar (Ourense). Xa sabedes que cando xurde a oportunidade de levar o saber da artesanía polo mundo, alí nos plantamos. Nesta ocasión fomos pretiño, pero a visita mereceu a pena.


ree

 

Desfrutamos como nunca destas xornadas, compartimos arte e moito fío, pero tamén risas e gañas de pasalo ben. De feito, neste concello hai tantos cativos que tivemos que facer varias quendas para que ninguén se quedara sen vivir a experiencia. Para estes obradoiros deseñamos dous debuxos en función das idades:

-       Peixes fiados de cores para os máis pequenos (3-7 anos): a idea era que tapizaran o deseño con cores variadas, tal como son os peixes tropicais. O fomento da creatividade dos cativos, a través de cores vivas, é fundamental para estimular os sentidos e o desenvolvemento das percepcións.

-       Fresas para os máis maiores (8-12 anos): escollemos este deseño porque é unha froita que define ó verán, buscábase algo máis formal ao tempo que alegre. A pesar de que só tapizaron con 3 cores, a creatividade e a destreza manual non faltaron. Sen dúbida quedaron uns tapices moi creativos.


ree

 

Volvemos rememorar a maxia dos fíos en cada un destes obradoiros, unha auténtica festa de imaxinación e creatividade. Isto recórdame que a linguaxe artística é universal, pode chegar a todos os rincóns e resulta apropiada para todas as idades. Nesta ocasión, decidimos cambiar de base e empregar finos círculos de madeira, así tamén lles será útil para colgar as súas obras. E falando de todo un pouco..., para o remate final non podía faltar un baño de purpurina. Encántalles! Xa sabedes que brillar sempre é a súa parte preferida!

 

ree

Desde Xogo de Fíos non podemos quedar máis satisfeitas, tanto pola implicación dos rapaces ante un proxecto que lles resultou tan novidoso, como por parte das monitoras e do concello polo bo saber que mostraron. Somos conscientes de que o tapizado con fío pode resultar complexo a primeira vez, pero para as crianzas é moi positivo. Desenvolven as súas inquedanzas artísticas, ao tempo que aprenden o respecto pola diversidade a través da miña experiencia vital. De feito, tiveron moitas preguntas e mostraron gran curiosidade pola técnica e polas sensacións da cegueira. Ante as cales, síntome moi satisfeita de poder responder a todas.


ree

 

Finalmente, Xogo de Fíos quixera agradecer ó concello de Pereiro de Aguiar por esta oportunidade e ó gran equipo de monitoras que nos recibiron. Só dicirvos que estaremos aí para o que sexa necesario ou se xorden novas colaboracións. Tamén envío un sincero agradecemento ós pequenos artesáns que participaron desta aventura. Sodes auténticos artistas! GRAZAS!

 

·      Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 
 
 

Comments


bottom of page