PAZOLANDIA DE FÍOS
- xogodefios
- Jan 5
- 2 min read
Este Nadal Xogo de Fíos formou parte de Pazolandia, un espazo cheo de atraccións no que os máis pequenos poden desfrutar con ilusión da maxia dos xogos e destas datas. Non importa o frío, nin a xeada, nin a néboa de Ourense porque só hai que vivir a maxia do Nadal. Un encontro anual, con máis de 30 anos de percorrido, no que todos e todas lembramos as nosas visitas infantís. Tempos aqueles!

Entre tanto ambiente de ilusión e risas, tamén houbo tempo de parar e crear cas mans. A proposta era sinxela: ofrecer ós nenos e nenas un pequeno descanso creativo e que levaran para a casa un recordo feito por eles mesmos. Durante varios obradoiros confeccionamos botas de Nadal, a modo de boliñas para colgar na árbore. Unicamente empregando fío, purpurina e algo de habilidade creativa. Pezas rápidas e personalizadas, pensadas para adaptarse ó ritmo do recinto, pero con resultados realmente únicos!

Cada neno ou nena achegaba a súa idea, o seu xeito de tocar e combinar, e o fío facía o resto. O máis fermoso de todo é ver como a artesanía se converte nun punto de encontro, na mentres as crianzas descobren un novo exemplo artístico. Unha toma de contacto en primeira persoa que lle permite coñecer outra realidade, unha diversa e plural. Simplemente desde o exemplo, os nenos e nenas entenden que a inclusión tamén é posible para as persoas con discapacidade. Por iso, desde Xogo de Fíos apostamos pola educación inclusiva, compartindo espazos e experiencias.

Grazas á Deputación de Ourense por contar con nós e a todas as familias que decidiron parar un intre e xogar entre fíos. GRAZAS!



Comments