top of page

OBRADOIRO FIANDO IGUALDADE


 

O pasado 25 de maio puxemos o broche final ao obradoiro “Fiando Igualdade” de Xogo de Fíos, que se desenvolveu entre os meses de novembro e maio no Centro Cívico As Termas (Ourense). Durante estes meses, 8 mulleres participaron semanalmente neste espazo creativo onde o fío era o  protagonista indiscutible de cada xornada.

 


Como en cada obradoiro de Xogo de Fíos, o fío convértese na canle condutora en ferramenta artística do proceso creativo. Pero tamén serve para fomentar a convivencia, a autoestima, a aprendizaxe compartida e a creación de vínculos. Ó longo do curso fomos tapizando distintos deseños inspirados en diferentes temáticas. Comezamos con esquíos e espantallos de outono, continuamos con creacións tan orixinais como un zapato de tacón, soles, floreros ou paisaxes, entre moitas outras propostas.

 

Cada peza foi unha oportunidade para desenvolver a creatividade, a paciencia e a habilidade manual. Como este ano as alumnas xa son expertas, vamos incrementando a dificultade de cada obra para asumir novos retos. Encántanme! Son de admirar!

 

Máis alá da aprendizaxe artesanal, o obradoiro é un espazo onde compartimos conversas, experiencias e momentos especiais. En Xogo de Fíos entendemos a artesanía non só como expresión artística, senón que tamén como ferramenta de participación social e benestar emocional.

 

Na última sesión realizamos unha pequena exposición con algúns dos traballos tapizados durante o ano. A idea é poñer en valor o esforzo, a evolución e dedicación das participantes. Finalmente, compartimos entre todas unha merenda con café, galletas e bica con un ambiente cheo de risas, emoción e compañeirismo. Síntome profundamente agradecida polo cariño que sempre me mostrades, a implicación coa que tomades estes obradoiros e a confianza que depositades en min.

GRAZAS!

 

·      Actividade financiada pola concellería de Política Social do Concello de Ourense, no marco das actividades dirixidas á poboación adulta do Concello de Ourense e a través do proxecto Fiando Igualdade.

·      Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 

 
 
 

Comments


bottom of page