top of page

  FÍOS DE PAZ NO CEIP MEDEIROS

 

O pasado 30 de xaneiro, con motivo do Día da Paz, tiven a sorte de vivir unha desas experiencias que che lembran porque merece a pena o camiño escollido. Fun convidada ó CEIP de Medeiros, no concello de Monterrei, un cole moi pequeno do rural ourensán. Tan pequeno que só hai 9 alumnos en toda Primaria, pero abondan porque son pequenos en número pero grandes en humanidade. Un deses lugares onde o rural segue sendo comunidade, coidado e proximidade.

 

Comezamos coa miña historia de vida: faleilles de quen son, da miña discapacidade, de como vivo no rural galego, de como Xogo de Fíos me proporciona maior autonomía... Compartimos opinións sobre diversidade, sobre as diferentes capacidades, sobre o respecto e a igualdade. Palabras grandilocuentes explicadas desde o corazón e a experiencia real.

 

E despois chegou o momento de fiar eses coñecementos coas propias mans. O alumnado tapizou con fíos de diversas cores unhas mans unidas. Penso que non existe símbolo máis idóneo para representar a paz, a igualdade, o respecto e a diversidade. Sen dúbida, o máis bonito foi velos concentrados, ilusionados, fiando, tocando... Está demostrado que a creatividade non ten idade e que a expresión artística tamén é unha linguaxe. Sodes uns artistas! Estes obradoiros confirman que a sensibilización desde a infancia é unha ferramenta moi poderosa para construir unha sociedade máis xusta e máis humana.

 

Quero dar as grazas a todo o equipo docente pola magnífica acollida e polo agarimo mostrado. E moi especialmente a Rosa, unha das mestras do CEIP de Medeiros que me chamou para compartir este día tan significativo na vosa compaña. GRAZAS por abrirme as portas do voso cole!

 

·      Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 

 
 
 

Comments


bottom of page