top of page

FORO SERES DE BEN


ree

 

O pasado 4 de xuño, no Teatro Principal de Ourense, tivo lugar o I Foro de Seres de Ben. Un encontro cheo de emoción, reflexión e inspiración compartidas para celebrar o peche da primeira tempada deste fermoso programa da Radio Galega. Como xa sabedes, estou a colaborar activamente neste proxecto, poñendo voz ás historias e realidades tan diversas que vou descubrindo ao longo e ancho da nosa comunidade. De feito, se aínda non coñecedes o programa, anímovos a votarlle unha ollada este blog e escoitar algunhas das miñas intervencións. Seguro que atopades algo que vos chegue ao corazón!

 


ree

Durante toda a xornada, máis de 300 persoas achegáronse ao foro para coñecer de primeira man aquilo que nos leva movendo desde hai meses: a realidade social galega. O evento foi un punto de encontro entre persoas con conciencia social, entidades do terceiro sector e emocións a flor de pel. Este I Foro de Seres de Ben foi dirixido e producido por Rubén Ríos, a quen lle quero agradecer profundamente que me brindase a oportunidade de formar parte desta experiencia con tanto fondo e significado. Para min foi unha honra acompañarvos, non só estes meses de radio, senón que tamén nesta xornada tan especial.

 

Na apertura do evento, tiven a oportunidade de compartir escenario coas autoridades e ofrecer unhas palabras ao público. Simplemente unha pequena explicación da miña traxectoria vital, unha realidade marcada pola discapacidade. Confeso que se respiraba unha enerxía moi especial, como se estivésemos presentando unha familia que medrou e se consolidou co tempo. Un dos momentos máis intensos foi a miña participación como moderadora da mesa redonda de Artesanía de Galicia. Estaba nerviosa, non vou mentir, xa que o reto de conducir a conversa sen perderme nos detalles dos proxectos era un verdadeiro desafío. Sen embargo, unha vez deu comezo, todo fluíu sen problemas. O certo é que a paixón e o talento dos artesáns participantes fixeron que o diálogo se desenvolvese con naturalidade. Como un bo tecido que se entrelaza fío a fío. Grazas a Sandra Bastón de Pal.Lium, a Roberto Pérez de Reberete, a María Bergantiño de Mariaaba e a Lola García de Hilokune por acompañarnos e compartir con nós as vosas vivencias profesionais. Por facer dun oficio tradicional, unha forma de vida con valor engadido.

 

ree


Pero o foro foi moito mais. Contamos con outras mesas redondas igual de interesantes como as testemuñas da Asociación Española Contra o Cancro, a experiencia dos profesionais da Radio Galega, a loita contra a soidade do rural na man de Tacto con Tacto, a valentía e coraxe de mulleres vítimas de violencia de xénero, a experiencia vital de Benedicta Sánchez... Sen esquecernos da proxección de distintas curtametraxes e a presenza constante de Rubén, que nos fixo rir, pensar e emocionarnos a partes iguais.


ree

 

Foi un día para lembrar, para gardar nos nosos corazóns. Un día para seguir tecendo redes e para celebrar que hai moita xente que segue mirando polo ben común, con compromiso e creatividade. Ata o próximo ano!

 

 

 
 
 

Comments


bottom of page