EN SERES DE BEN TECEMOS HISTORIAS
- xogodefios
- 3 days ago
- 4 min read
Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta segunda tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!

· Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.
· Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.
Natural de Colombia e neto de costureira, César Moreno leva a moda nas veas desde cativo. Tras sufrir discriminación por homosexualidade e padecer varios episodios de depresión, chegou a Vigo en 2017 buscando un novo comezo. Durante a pandemia, uns bocetos convertéronse nunha marca con identidade propia, onde cada prenda conta unha historia. A súa última colección, Resort 42, nace dun amor non correspondido transformado en arte. Moda con esencia, proximidade e humanidade. Escoita a súa historia e déixate inspirar!
Hai 20 anos, un grupo de mulleres do rural de Cabanas (A Coruña) decidiron unirse para dinamizar un territorio cheo de vida, pero con limitadas oportunidades. No val do río Eume, traballan para conservar saberes tradicionais como o fiado da la ou a escapulla do millo. Crean espazos de encontro e cohesión social, onde a tradición e o orgullo rural son a clave do éxito. Descubre esta rede de mulleres que tece futuro sen esquecer as raíces!
Hoxe coñecemos a dous irmáns de Nigrán (Pontevedra) que transformaron unha paixón compartida nun proxecto de vida. Diego e Begoña unen estrutura e creatividade para dar forma a xoias de papel únicas, dobradas a man e preparadas para perdurar no tempo. Xoias que contan historias, como a Colección Abeiro inspiradas no pobo portugués ou a Colección Bolboreta, chea de luz e cor. Descubre a arte que nace dunha folla de papel!
O 8M non é unha xornada comercial, é un día de reivindicación e defensa da igualdade. Naceu da loita das mulleres traballadoras de comezo de S.XX, pero hoxe é o día de todas. Sen distincións nin etiquetas. Falamos de feminismo como xustiza social e igualdade de oportunidades. Tamén escoitamos a dura testemuña dunha muller que sufriu violencia machista, que nos lembra a importancia da educación en igualdade. Un programa para reflexionar e actuar. Escoita e comparte!
Desde Sevilla ata Granada, Eva converteu a súa experiencia vital coa parálise cerebral nun compromiso firme co deporte inclusivo. Fisioterapeuta e doctorada en deporte inclusivo, Eva concibe o dereito ao deporte como participación social e ocio, non como terapia ou sanación. Probou baloncesto, escalada, ski ou ciclismo adaptados e sempre reivindicando o desfrute dos espazos compartidos entre persoas con e sen discapacidade. Descubre como a inclusión tamén se pode aplicar no deporte!
Melchor deixouno todo por seguir a súa verdadeira paixón: o coleccionismo de coitelos e navallas de todo o mundo. Sen embargo, pronto se deu conta de que as súas fundas de coiro non lle facían xustiza estas pezas tan valiosas. Decidiu aprender o oficio da man dun mestre artesán e en 2014 creou o seu propio proxecto. Desde Lugo, traballa con gran calidade e coida cada detalle para un mercado internacional curioso e esixente. Descobre a historia detrás de cada peza!
Nesta aldea, situada ás portas do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xures, a veciñanza decidiu loitar contra o despoboamento. Todo comezou en 2008 ao intentar salvar o retablo da capela de San Antonio, afectado pola humidade. A partir de aí xurdiu un proxecto colectivo para recuperar o patrimonio e a vida comunitaria. Hoxe reciben miles de visitantes ó ano e son un referente de unión. Escóitanos para descubrir este paraíso! E se tes a oportunidade, visítao.
GRAZAS por estar aí acompañándonos desde as ondas. GRAZAS por todas as mensaxes de cariño e apoio recibidos. Vós sodes todo para a radio. Por suposto, tamén agradecer a todas as persoas que aportaron as súas testemuñas, proxectos e experiencias. GRAZAS! SEGUIMOS!
Para entidades: Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.



Comments