top of page

DÍA DE ROSALÍA NO CEIP PADRE CRESPO


Esta semana en Xogo de Fíos estamos vivindo uns días moi emotivos. Con motivo do Día de Rosalía de Castro, tivemos a oportunidade de compartir unha nova xornada creativa e cultural co alumnado do CEIP Padre Crespo, en Xunqueira de Ambía (Ourense). O certo é que non é a primeira vez que visitamos esta escola, hai 2 anos vivimos unha experiencia similar en torno ao 8M. Pero cada obradoiro é distinto e ten un significado especial, adaptándose á idade de cada grupo.


Nesta ocasión, o deseño elixido foi o retrato de Rosalía de Castro, no que o alumnado tapizou con fío o cabelo da escritora. A fusión entre o fiado e a impresión facial aportoulle textura, volume e vida á imaxe da poeta. A través da paciencia e a habilidade manual foron tapizando un retrato único, feito coas súas propias mans. Foi realmente emotivo cando os máis dun cento dos seu alumnado mostraron as súas obras confeccionadas con fío.


Máis alá da actividade artesanal, tamén foi unha xornada cultural na que reivindicamos a figura de Rosalía para Galicia, a defensa do galego cando era menospreciado e a súa valentía ao alzar a voz por as mulleres nunha época escura. En cada fiada recordamos a súa forza, a súa loita, a súa sensibilidade e o seu legado. Unha muller referente cuxa pegada está máis viva que nunca!


Para min, como muller con discapacidade, poder levar a miña experiencia vital e profesional ás aulas e falar de autonomía, cultura galega e inclusión é unha forma de seguir tecendo redes. Estes obradoiros marcan a diferenza xa que non só implican expresión artística, senón que tamén supoñen unha oportunidade laboral e creativa. A discapacidade non limita o talento e a artesanía pode ser unha ferramenta poderosa de transformación social.


Grazas ao equipo docente por convidarnos de novo con tanto agarimo e ó alumnado pola súa implicación, gañas de aprender e todo o cariño recibidos.


Seguimos tecendo historias! Grazas!


· Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.


EN SERES DE BEN TECEMOS HISTORIAS


Na medianoite da Radio Galega ábrese un espazo de aprendizaxe compartido: “Seres de ben”. Un programa dirixido por Rubén Ríos, que pon o foco nas persoas e nas historias que fan do mundo un lugar máis humano. Nesta segunda tempada seguiremos descubrindo vidas e testemuñas inspiradoras, a través de entrevistas próximas cheas de sensibilidade. Historias que nos lembran que a solidariedade, a empatía e a creatividade seguen vivas no día a día de todos nós e merecen ser contadas. Teño a sorte de repetir como colaboradora, feito que quero agradecer a Rubén por confiar en min  e brindarme esta oportunidade de inclusión. Semana tras semana intentarei dar voz a esas realidades que adoitan pasar desapercibidas, falando de temas tan diversos como artesanía, discapacidade, dereitos, sociedade, inclusión... E por suposto, as vosas propostas tamén teñen cabida: se queredes suxerir temas ou historias vinculadas ó ámbito social, serán máis que benvidas. Este espazo é de comunidade!

·      Adxunto as ligazóns dos programas nos que participo, só pica no enlace do título.

·      Consultade Galega Audio para escoitar todos os programas.


Día 17/02/2026: César Moreno, emprendemento con discapacidade.

Natural de Colombia e neto de costureira, César Moreno leva a moda nas veas desde cativo. Tras sufrir discriminación por homosexualidade e padecer varios episodios de depresión, chegou a Vigo en 2017 buscando un novo comezo. Durante a pandemia, uns bocetos convertéronse nunha marca con identidade propia, onde cada prenda conta unha historia. A súa última colección, Resort 42, nace dun amor non correspondido transformado en arte. Moda con esencia, proximidade e humanidade. Escoita a súa historia e déixate inspirar!


Día 24/02/2026: Asociación Mulleres Rurais “Cabanas Rural”.

Hai 20 anos, un grupo de mulleres do rural de Cabanas (A Coruña) decidiron unirse para dinamizar un territorio cheo de vida, pero con limitadas oportunidades. No val do río Eume, traballan para conservar saberes tradicionais como o fiado da la ou a escapulla do millo. Crean espazos de encontro e cohesión social, onde a tradición e o orgullo rural son a clave do éxito. Descubre esta rede de mulleres que tece futuro sen esquecer as raíces!


Día 3/03/2026: Artesanía de Galicia, Joyas de papel.

Hoxe coñecemos a dous irmáns de Nigrán (Pontevedra) que transformaron unha paixón compartida nun proxecto de vida. Diego e Begoña unen estrutura e creatividade para dar forma a xoias de papel únicas, dobradas a man e preparadas para perdurar no tempo. Xoias que contan historias, como a Colección Abeiro inspiradas no pobo portugués ou a Colección Bolboreta, chea de luz e cor. Descubre a arte que nace dunha folla de papel!


Día 10/03/2026: Día Internacional da Muller.

O 8M non é unha xornada comercial, é un día de reivindicación e defensa da igualdade. Naceu da loita das mulleres traballadoras de comezo de S.XX, pero hoxe é o día de todas. Sen distincións nin etiquetas. Falamos de feminismo como xustiza social e igualdade de oportunidades. Tamén escoitamos a dura testemuña dunha muller que sufriu violencia machista, que nos lembra a importancia da educación en igualdade. Un programa para reflexionar e actuar. Escoita e comparte!


Día 17/03/2026: Deporte inclusivo con Eva Isidoro.

Desde Sevilla ata Granada, Eva converteu a súa experiencia vital coa parálise cerebral nun compromiso firme co deporte inclusivo. Fisioterapeuta e doctorada en deporte inclusivo, Eva concibe o dereito ao deporte como participación social e ocio, non como terapia ou sanación. Probou baloncesto, escalada, ski ou ciclismo adaptados e sempre reivindicando o desfrute dos espazos compartidos entre persoas con e sen discapacidade. Descubre como a inclusión tamén se pode aplicar no deporte!


GRAZAS por estar aí acompañándonos desde as ondas. GRAZAS por todas as mensaxes de cariño e apoio recibidos. Vós sodes todo para a radio. Por suposto, tamén agradecer a todas as persoas que aportaron as súas testemuñas, proxectos e experiencias. GRAZAS! SEGUIMOS!

 


_______

Para entidades: Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais, como este mesmo. Podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos, estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.




 
 
 

Comments


bottom of page