top of page

CREATIVIDADE E SORORIEDADE EN ALLARIZ

Este martes tiven a oportunidade de vivir unha xornada moi especial en Allariz, onde levei a cabo un obradoiro artesanal dirixido a mulleres con discapacidade. Foi un encontro organizado por COCEMFE para xerar un espazo cercano, de confianza e de conexión real entre nós.

 

Desde Xogo de Fíos sempre defendín o poder do traballo artesanal, non só como forma de expresión, senón tamén como ferramenta de autonomía persoal e empoderamento. Este obradoiro foi un claro exemplo diso. Durante a sesión tapizamos con fío dando forma á silueta dun raposo. Cada unha de nós interpretou esta figura desde a súa propia creatividade, dando lugar a tapices únicos, cheos de personalidade, textura e significado.

 


Entre conversas e complicidade, bautizamos as nosas creacións como “raposas feministas”, inspiradas nese espírito reivindicativo e libre que tanto precisamos. Máis alá da broma, o ambiente estivo cargado de enerxía positiva, forza colectiva e ganas de expresarse sen límites. Un dos aspectos máis valiosos da xornada foi a creación de vínculos. Espazos como este permiten que mulleres con discapacidade compartamos experiencias, inquedanzas e tamén soños. Crear rede é fundamental, especialmente cando moitas veces nos atopamos en contornas onde as oportunidades non son equitativas. A experiencia en Allariz reforza o meu compromiso cunha artesanía inclusiva, accesible e transformadora.

 

Quero agradecer á técnica Diana de COCEMFE por contar comigo para esta iniciativa, e a cada unha das participantes pola súa implicación, a súa enerxía e a súa creatividade. Seguiremos creando espazos onde o fío non só une materiais, senón tamén persoas, historias e oportunidades.

 

·      Se formas parte dunha entidade ou empresa e che interesa contar con obradoiros artesanais como este, podes poñerte en contacto con Xogo de Fíos. Estaremos encantadas de levar a creatividade e a maxia das nosas fiadas a novos espazos e públicos.

 

 

 

 

 
 
 

Comments


bottom of page