Esta é a segunda visita que recibimos dun CEIP na tenda de Xogo de Fíos! E estamos encantadas! En tan só un mes achegáronse ata aquí uns 100 rapaces, xa que desta volta o alumnado de 1º e 2º do CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense) eran case 50. Realmente foi unha visita moi esperada porque eu xa fun o seu cole hai uns meses para impartirlles un obradoiro de artesanía. Dado a implicación que puxeron naquel obradoiro e o magnifico resultado logrado, creo que a visita a nosa tenda foi todo un acerto.
Estas visitas, máis alá da mera mostra das miñas obras confeccionadas con fío, teñen unha finalidade educativa. Gústame que o alumnado comprenda ese espíritu de superación e loita que persigo día a día. A idea de todo esto é que os rapaces entendan a educación desde a igualdade e a diversidade, é decir, que vexan a discapacidade como un valor engadido e non como unha barreira. Para iso, primeiro conto brevemente a miña historia e como cheguei a crear Xogo de Fíos e despois facemos distintos xogos inmersivos para desarrollar a capacidade de empatía. Por suposto, entre estes xogos non pode faltar o de “descubre o son”, sen dúbida sempre é o preferido polos cativos.
Comments