No concello de Bóveda, provincia de Lugo, non querían deixar pasar a oportunidade de reivindicar o 8M a través da artesanía. Por iso, o día 8 de marzo organizamos, no centro sociocultural da vila, o obradoiro “Fiando Igualdade” con 17 mulleres do concello. Éramos tantas que finalmente encheuse o salón de actos! Entre todas confeccionamos símbolos da muller a partir dun patrón de cartón, empregando distintos tipos de fíos, para despois convertelos en colgantes. Perfectos para ir a manifestación! Foi unha experiencia realmente única coñecer a mulleres con realidades tan diversas, compartimos opinións e debatemos sobre feminismo e igualdade na mentres fiamos.
Agradecer a Miriam, técnica de cultura do concello, a súa boa disposición e acollida para a realización do obradoiro. Realmente foi unha xornada de empatía, de ilusión por crear algo propio e de mil momentos increíbles na compaña destas mulleres. Levo moi bos recordos e espero que xornadas como esta se repitan con frecuencia!
Aproveitando este evento, mudamos a exposición de “Galicia en fíos” cara Bóveda ata o 15 de marzo. De feito, nesta primeira xornada tivemos moitas visitantes que quedaron abraiadas con esta colección de obras artesanais. Componse dun conxunto de 25 pezas confeccionadas con fío na que percorremos a historia, cultura e tradicións da nosa comunidade. Son un claro exemplo de que as barreiras tamén as podemos derribar e o tacto dos meus dedos, fiada tras fiada, pode demostrárvolo. So hai que crer na maxia das cousas auténticas, e agora... a desfrutar!
Comments